Sunday 28 de April de 2024

Concello e asociacións inauguran a Ruta das Lavandeiras


Enviamos imaxes da inauguración este mércores da Ruta das Lavandeiras -promovida polas concellerías de Turismo e Promoción Económica- na que participaron o alcalde, Juventino Trigo, a titular da área, Ana Basoa, e varios membros do goberno local de Fene, na compaña de representantes de Agarimo Sillobre, da agrupación Lavandeiras de Sillobre e da AVV San Ramón, ademais doutros colectivos do territorio.

Cunha lonxitude de 4 km e unha duración aproximada de 1 hora, a Ruta das Lavandeiras comeza no Peirao de Perlío e conclúe en Sillobre. O percorrido está sinalizado e reflicte, tanto nos textos coma nos códigos QR impresos nos sinais, anacos da historia destas mulleres que “cruzaban a ría na lancha cos seus lotes de roupa limpa na cabeza e regresaban a casa con outro lote de roupa sucia dos señoritos e señorías de Ferrol para voltar ao mesmo proceso”.

A roupa posta a clareo “podíase ver dende Fene e Perlío, cubrindo os campos como se dun gran manto branco se tratase. Ademais, estas mulleres, alá polos anos 40, contaban cun permiso gobernamental que lles permitía usar os carros de vacas o domingo para transportar a roupa ao peirao”, comentan desde a área de Turismo.

As Lavandeiras regresan o 7 de maio
A inauguración da Ruta das Lavandeiras é a antesala do VII Encontro das Lavandeiras de Sillobre, que se celebrará o próximo 7 de maio como homenaxe a aquelas mulleres.

O programa arrancará ás 13:00h cunha misa e, xa pola tarde, a partir das 16:00h, farase o percorrido desde o peirao de Perlío até Sillobre facendo pequenas paradas nos puntos sinalizados na ruta.

Entre as 17:30 e as 19:30h haberá xogos populares para a rapazada, ao tempo que comezará a tradicional recreación do oficio, acompañada de talleres de cestaría, bolillos, torneado da madeira, fiado, coiro e traballo con plana de millo. Todo animado pola agrupación Airiños de Fene, quen lle cederá a quenda a iso das 20:30h ao grupo folc Encrucillada.